Requisan 350 quilos de ameixa xapónica que excedía o cupo na lonxa de Campelo
Por Redacción
Para vixiar a extracción ilegal de marisco nas rías galegas de cara ás festas de Nadal, axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, están a intensificar estes días os controis por toda a comunidade.
Froito dese esforzo, requisaron preto de 700 quilos de peixe e marisco, 100 aparellos de pesca e 1.000 metros de artes de enmalle en diferentes controis realizados polo litoral galego e en diferentes lonxas e portos durante os últimos días.
Na área da ría de Pontevedra, os axentes aprehenderon máis de 370 quilos de marisco, 39 útiles de pesca e 500 metros de trasmallos (arte de enmalle).
A actuación máis destacada foi na lonxa de Campelo, onde requisaron 350 quilos de ameixa xapónica que excedían o cupo e máis de 5 quilos de ostra de talla antirregulamentaria.
Pola súa banda, na ría de Arousa comisaron 5 quilos de centola, 4 de ameixa xapónica e 500 metros de miños sen identificar.
Tamén houbo operativos na ría de Vigo, onde os Gardacostas requisaron 116 quilos de marisco e peixe e 22 aparellos; na área da ría de Muros e Noia retiraron 142 quilos de ameixa de talla antirregulamentaria e 32 nasas de madeira sen identificar; na Costa da Morte requisaron preto de 50 quilos de marisco, a maioría percebe, e 2 aparellos de pesca; en Coruña aprehenderon 25 quilos de peixe e marisco e 3 útiles de pesca e na ría de Cedeira, preto de 2 quilos de robaliza e 2 palangrillos sen identificar, un de 230 anzois e outro de 108 anzois.
A Consellería do Mar lembra á cidadanía que o consumo de marisco extraído e comercializado de xeito ilegal pode supor un risco para a saúde ao non ter pasado ningún tipo de control que o avale. Por iso pide ao consumidor que non compre produto fóra das vías legais de comercialización.