Denuncian 70 condutores nunha noite por conducir tras consumir alcol ou drogas
Por Redacción
A Garda Civil de Tráfico denunciou nunha soa noite 70 condutores que conducían tras consumir alcol ou drogas en estradas de Pontevedra. A maior porcentaxe, 45, deron positivo no test de consumo de alcol e os 25 restantes tomaran algunha droga.
As denuncias realizáronse durante a madrugada do sábado 19 ao domingo 20, unha noite na que os axentes de Tráfico realizaron un total de 1.205 probas no marco da campaña especial de vixilancia e concienciación sobre os riscos que supón o consumo de alcol e drogas. O operativo realizouse nesta época ao ser un momento do ano no que habitualmente aumenta o consumo debido ás comida e ceas do Nadal.
Os axentes realizaron 1.167 test de alcoholemia, nos que detectaron a 45 condutores que deron positivo. A 43 denunciáronos por vía administrativa e a dous abríronlles dilixencias por delitos contra a seguridade viaria, ao dar unha taxa de 0,60 miligramos de alcol por litro de aire expirado.
Os funcionarios realizaron 38 probas de consumo de drogas e o 65% deron positivo, de modo que se detectaron 25 positivos a condutores aos que se abríu expediente por unha denuncia administrativa. As drogas máis consumidas, as que deron máis positivos, foron o cannabis e a cocaína.
Ademais, realizouse unha vixilancia especial dos policonsumidores que conducen baixo os efectos do alcol e as drogas e detectaron cinco condutores que deron positivo nas dúas substancias. A dous denunciáronos por infraccións administrativas que poden levar unha sanción de ata 2.000 euros e supoñer a perda de ata 12 puntos.