'O Apalpador' chega a Poio e Barro da man da Deputación
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O deputado provincial de Cultura e Normalización Lingüística, Xosé Leal, presentou este luns en Poio as actuacións do programa 'Nadal en Galego' para a comarca de Pontevedra, que contempla a chegada de 'O Apalpador' ás rúas de Poio e Barro o día 23.
Xosé Leal, que estivo acompañado polos Alcaldes de Poio, Luciano Sobral e Barro, Xosé Manuel Abraldes, asegurou que "estas actuacións son un complemento á programación que se fai desde os concellos, porque temos que insistir en que desde a nova Deputación sempre traballamos en colaboración cos concellos e para axudalos, nunca para suplantalos", un plantexamento que agradeceron expresamente os alcaldes.
Xosé Leal salientou "o carácter transversal destes espectáculos que fomentan o uso da lingua, a recuperación da nosa tradición, a dinamización do comercio local e valores sociais de respecto polo medio e educativos de coñecemento da nosa historia ".
Está previsto que 'O Apalpador' chegue ao Pazo da Crega de Barro ás 10.30 horas e a Poio, ás 12.00 horas, concretamente ao Parque da Memoria no recinto da Seca.
En palabras de Xosé Leal "é unha actuación que estamos levando por diferentes comarcas da provincia para recuperar e dar a coñecer esta figura mítica da nosa tradición, que está máis enraizada coas comarcas do interior e coas zonas de montaña do Courel e dos Ancares, e que é máis descoñecida en comarcas de costa coma esta".