Queima de calendarios e uvas anticipadas para despedir o ano en Sanxenxo
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo presentou a programación de lecer coa que contará o municipio durante as festas do Nadal, destacando a xornada prevista para o 31 de decembro.
Da man da asociación O Cubreiro, a praza Pascual Veiga converterase nun recinto festivo para despedir o ano.
Ás 12:00 horas, aproveitando as badaladas que dará o reloxo do Concello, por primeira vez organizarase unha toma de uvas anticipada que terá continuación cunha queima de calendarios do ano que remata nun acto que pretende deixar atrás simbólicamente os aspectos negativos do 2015 grazas á característica purificadora do lume.
Con todo, a pesar destas novidades, o aspecto máis significativo da xornada será o seu carácter solidario cunha recollida de alimentos coa que colaborarán hostaleiros do municipio.
No resto da programación de Nadal figuran o Festival de Panxoliñas, un percorrido de Papá Noel polas principais rúas de Portonovo durante a tarde do 24 de decembro ou o tradicional belén vivente na Igrexas de Noalla e a Escola Infantil de Aios, o día 25.
Ademais o Coro Parroquial San Xinés de Padriñán ofrecerá un concerto o 26, ás 20.30 horas, no Novo Templo e o domingo 27 o CCU Entretendas realizará, no Pazo Emilia Pardo Bazán, a súa gala de Nadal.
Por último, para os primeiros días de 2016 quedará a gran cabalgata dos Reis Meigos o día 5 de xaneiro en Sanxenxo e Portonovo e o concerto solidario da Banda Municipal o día 6 no Pazo Emilia Pardo Bazán.