Cerponzóns tamén quere a súa parte dos fondos europeos
Por Redacción
O Consello Parroquial de Cerponzóns mantivo unha xuntanza cos concelleiros Pilar Comesaña e Demetrio Gómez para coñecer os detalles da convocatoria dos proxectos de Desenvolvemento urbano sustentable e integrado (DUSI) cos que Pontevedra optará aos fondos europeos, por importe de 18 millóns de euros.
Os asistentes ao consello parroquial de Cerponzóns pediron aos concelleiros que avaliasen a inclusión dunha serie de suxestións, como a creación dunha zona de lecer no Caeiro, a recuperación de muíños e o arranxo de lavadoiros en mal estado, a redacción dun proxecto de eficiencia enerxética para o campo de fútbol ou a instalación de roteiros peonís e ciclistas que conecten a parroquia coa cidade, aproveitándose os camiños existentes cando sexa posible.
Ademais, piden que se faga un parque na zona da igrexa e se acondicione a pista que sube ata ela, que se mellore o alumeado dende Tilve ata A Hermida, que se avance no parque forestal de Chan do Monte, que se instalen paneis solares nos edificios ou instalacións públicas da parroquia e que se constrúa un paso elevado no cruzamento a Reiriz.
Antes de con Cerponzóns os representantes municipais xa tiveron encontros cos consellos parroquiais de Tomeza, Salcedo e Lourizán.