Reclaman á Xunta unha solución aos impagos da vendima de 2011
Por Redacción
O Sindicato Labrego Galego vén de rexistrar un documento diante da Consellería de Medio Rural para reclamar a súa participación á hora de solucionar o problema dos impagos que están a sufrir centos de viticultores de Rías Baixas que seguen sen cobrar a uva vendimada en 2011.
Este sindicato sinala que aínda que as culpables destes impagos son adegas como Gran Bazán, Núñez Andión, Lagar da Condesa ou Sucesores de Benito Santos; "a Xunta debe responsabilizarse na solución deste problema".
"A Xunta debe responsabilizarse na solución deste problema"
Argumentan que moitas das persoas afectadas polos impagos asinaron un contrato homologado en 2011 para vender a uva, polo que o seu cumprimento debería estar garantido pola Administración. Ademais, apuntan que a Lei contra a Morosidade obriga a pagar os produtos perecedoiros no prazo máximo dun mes.
A secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba Seivane, explica que neste senso, o costume das adegas de pagar a vendima un ano e pico despois da súa compra é flagrantemente ilegal, e as axudas do Igape destinadas a adiantar os cartos ás explotacións vitícolas estarían avalando unha práctica delictiva.
O resume cun exemplo a responsable do SLG na comarca do Salnés, Belén Torres Alonso, "antes, as adegas pedían préstamos para poder pagar a uva que mercaban sen ter que agardar a vender o viño; sen embargo, hoxe prodúcese unha situación inaceptable na que os propios viticultores son os responsables dos préstamos destinados a pagar a mesma uva que eles mesmos venden, de maneira que non só non cobran polo produto do seu traballo, senón que custean e avalan o financiamento das adegas que se lucran transformando os seus acios en viño".
Por todo isto, dende o Sindicato Labrego Galego piden un encontro co secretario xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, e co director xeral de Produción Agropecuaria, Xosé Álvarez Robledo, para reclamar a participación directa e urxente da Consellería de cara a solucionar de xeito permanente "un problema no que, unha vez máis, a parte indefensa e agredida da cadea comercial volven ser os labregos".
Relacionadas:
-
Adegas e viticultores serán convocados para resolver o problema da falta de pagamento
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta mediará entre as adegas morosas e os viticultores
Por Oskar Viéitez |
-
Unións Agrarias reclama á Xunta a convocatoria "inmediata" da Mesa do Viño
Por Oskar Viéitez |
-
Centos de viticultores seguen sen cobrar a vendima de 2011 ao ficar sen fondos os pagarés das adegas
Por Oskar Viéitez |