Unións Agrarias reclama á Xunta a convocatoria "inmediata" da Mesa do Viño
Por Oskar Viéitez
Unións Agrarias (UU.AA.) reclama á Consellería de Medio Rural a convocatoria inmediata da Mesa do Viño na Denominación de Orixe Rías Baixas.
O responsable de agricultura de Unións Agrarias, Xosé Ramón González e o responsable comarcal deste sindicato, Manuel Dopazo, compareceron hoxe en Pontevedra para "reiterar unha reivindicación que a nós nos parece extremadamente grave" e urxir á Xunta para que actúe "canto antes xa que se nos está a pasar o tempo".
Desde Unións Agrarias puxeron de manifesto a forte recesión que están sufrindo os productores e as incertezas que xera a próxima campaña vitícola.
Segundo explicou José Ramón González, a campaña de vendimia do pasado ano 2012, estivo caracterizada por unha forte baixada da produción respecto ao ano anterior, chegando a caer case un 58% no caso da D.O. Rías Baixas.
Á baixa a produción, e caída dos prezos suman "o brutal incremento dos custos de explotación"
Do mesmo xeito os malos resultados obtidos das negociacións dos contratos homologados de compraventa de uva, xunto a situación económica na que se atopan milleiros de viticultores coloca ao sector ante un panorama "moi preocupante". En concreto UU.AA. cifrou en 6.000 as familias vinculadas á viticultura en Rías Baixas.
Á baixa a produción, e caída dos prezos suman "o brutal incremento dos custos de explotación", que repercuten dramáticamente nos agricultores.
Manuel Dopazo citou como exemplo que unha explotación media da D.O. Rías Baixas, con 1,6 hectáreas, "pasou duns beneficios medios próximos aos once mil euros na colleita 2011, a unhas perdas superiores aos dous mil en 2012".
A falta dunha previsión sobre a próxima vendimia converte ao actual nun momento idóneo para negociar o prezo da uva, "xa que si se espera unha boa colleita negociaranse á baixa mentres que si escasea a uva o prezo dispárase", explicaron.
Por todo iso é importante a convocatoria con urxencia da Mesa do Viño de Galicia, co fin de poñer en marcha as negociacións para o establecemento dos contratos homologados na denominación de orixe.