Fiscalía pide catro anos de prisión para un pai vilagarcián acusado de abusar da súa filla menor de idade
Por Oskar Viéitez
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra sinalou para o vindeiro martes, día 15 de decembro, o xuízo contra un pai acusado dun delito de abuso sexual á súa filla menor de 13 anos de idade.
A Fiscalía solicita a pena de catro anos de prisión, coas prohibicións de aproximación a menos de 500 metros e de comunicación por calquera medio coa súa filla por tempo de catro anos, así como a privación da patria potestade.
A Fiscalía entende que o acusado, Carlos G.P., con antecedentes penais non computables a efectos de reincidencia, "aproveitando a súa posición como pai" cando a nena tiña 12 anos, en agosto de 2012, sobre as 9:00 horas, "atopándose ambos os sós no domicilio familiar", acudiu á cama da súa fill e tras espertala, introduciuse na mesma "vestindo unicamente uns calzóns, e con intención de satisfacer os seus desexos sexuais, colocouse enriba súa, agarrándolle as mans e comezou a realizar frotamentos".
O representante do Ministerio Público no seu escrito de acusación sinala que a consecuencia dos feitos relatados non se produciron lesións nin de carácter psíquico nin físico á menor, sen que restasen secuelas.
A nai da menor foi quen interpuxo denuncia por estes feitos, impoñendo o xulgado medidas cautelares, entre outras, as prohibicións de aproximación a menos de 500 metros e de comunicación por calquera medio coa súa filla.