Abren o prazo para solicitar espazos no viveiro de empresas do polígono de Barro-Meis
Por Redacción
A partir de este venres 11 de decembro, as empresas interesadas en optar a espazos no viveiro do polígono industrial de Barro-Meis terán quince días naturais para solicitalo.
A Deputación de Pontevedra publicará este xoves as bases reguladoras para a adxudicación de espazos para que emprendedores e empresas de nova creación poidan establecerse como máximo durante un ano nestas instalacións.
A través deste viveiro, búscase acoller empresas para encamiñalas nos seus primeiros pasos no mercado, acompañalas e prestarlles determinados servizos adaptados ás necesidades de cada proxecto empresarial, coa fin de facilitar o desenvolvemento de iniciativas económicas de interese para a provincia.
Para elo, en Barro-Meis ofrécense locais privados equipados con mobiliario e infraestruturas, áreas e servizos comúns e servizos de asesoramento e formación, a través dos departamentos da Deputación de Pontevedra. Así, ocupará unha superficie construída de 2.588,80 metros cadrados (distribuídos en 3 alturas, con 16 naves, 24 oficinas e 4 salas de xuntas) e contarán con persoal de servizos para atender as necesidades dos emprendedores.
Poderán ser cesionarios dos viveiros os emprendedores que comecen a súa actividade económica nas instalación do viveiro, ou que houberan iniciado a súa actividade empresarial recentemente, pero tamén os emprendedores que necesiten un espazo axeitado para analizar e preparar o seu proxecto de empresa. Os usuarios dos espazos de coworking poderán ser persoas que se establezan durante un mes, podendo ser renovable mensualmente.
Os interesados deberán presentar unha solicitude acompañada dunha declaración responsable, curriculum vitae, memoria descritiva da actividade, así como un estudo económico-financeiro, un cronograma de posta en funcionamento, creación de número de postos de traballo necesarios, especificación do réxime tributario e da seguridade social, fotocopia do DNI, escrituras de constitución e apoderamento.
A selección de solicitudes realizarase cumprindo os principios de fomento da igualdade de xénero e non discriminación, atendendo ós criterios de viabilidade técnica e económica da actividade, postos de traballo xerados, carácter innovador da actividade e a situación de desemprego dos promotores.