Marea propón redactar un novo regulamento de participación cidadá en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Regular as formas, os medios e os procedementos de participación dos veciños na xestión política municipal. É o obxectivo do borrador de Regulamento de Participación Cidadá que presentaron este mércores os dous concelleiros de Marea Pontevedra, Luis Rei e Carmen Moreira e que esperan poder acordar cos outros catro partidos da corporación para avanzar na "rexeneración democrática" do Concello.
Tras o Pleno do luns que, segundo Marea, "deixou o terreo de xogo bastante enlamado" e no que se produciu unha actuación "dubidosamente ética", os edís desta formación entenden que chegou o momento para avanzar en materia de participación cidadá e transparencia e renovar un regulamento que data de 1999 e en cuxa redacción pretenden implicar tamén ao tecido asociativo da cidade.
Entre outras cuestións, Marea quere que se regule a intervención dos cidadáns nos plenos municipais, que se poidan presentar iniciativas populares, que se sometan a consulta popular aqueles asuntos que sexan de especial relevancia, que se estableza un sistema que permita a participación veciñal na confección do orzamento municipal ou que se promova a administración electrónica para facilitar a información e as xestións dos pontevedreses.
O borrador do regulamento pódese consultar na páxina web de Marea.
Ademais, Luis Rei avanzou que tamén solicitan a creación da figura do Valedor do Cidadán, un cargo sen retribución económica, "encarnado por unha figura independente, de traxectoria social clara" e que debería ser elixida por dous terzos da corporación; e que se reúna de forma periódica a Comisión de Queixas e Suxestións -que está presidida polo PSdeG-PSOE- para atender os escritos presentados por Rexistro polos veciños.
Este instrumento de participación cidadá debe ir acompañado, segundo Marea, por unha nova estrutura de funcionamento a nivel municipal, que inclúa a revogación do acordo adoptado o pasado mes de xuño para a repartición de salarios, composición das comisións e horarios do Pleno, entre outras cuestións, e que segundo este partido "prexudica" aos grupos municipais máis pequenos como o seu ou Ciudadanos.
Relacionadas:
-
O borrador do regulamento de participación cidadá da oposición, listo a próxima semana
Por Alejandro Espiño |
-
Marea Pontevedra pide aos Reis Magos que o BNG cumpra os acordos plenarios
Por Alejandro Espiño |
-
As tres federacións veciñais esixen poder intervir na elaboración do Regulamento de Participación Cidadá
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A oposición forza ao BNG a celebrar o Pleno o día despois das eleccións
Por Alejandro Espiño |
-
O BNG aproba os orzamentos de 2016 ao aproveitar a ausencia dun concelleiro do PP
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |