Adopta Marín denuncia un posible caso de canibalismo entre cans na zona de Busto
Por Redacción
A asociación protectora de animais Adopta Marín denuncia un caso de maltrato na rúa Busto e pide ao Concello que aplique a ordenanza municipal reguladora da protección e tenencia de animais que se aprobou no ano 2010.
O caso de maltrato que os leva a denunciar sería responsabilidade dos propietarios dos cans dunha vivenda desa rúa que manteñen aos animais nunhas condicións que os veciños cualifican como de "insalubridade insoportable". Segundo indican, desatenden a alimentación dos cans "ata o punto que puidera terse producido un caso de canibalismo", pois tiñan catro cans e un deles "apareceu morto cunha evidente mordedura dos outros".
Adopta Marín considera que a morte dese can "puido terse evitado se o Concello atendese ás continuas chamadas telefónicas" dos veciños do lugar denunciando os continuos ruídos e cheiros polas "malas condicións hixiénicas" e o "estado deplorable" no que se atopan estes animais.
Segundo aseguran, a situación levou aos veciños a poñerse en contacto cos responsables municipais e aportarlles mostras gráficas dos feitos denunciados. Tamén rexistraron as denuncias por escrito.
Na súa opinión, o maltrato e a tenencia dos animais en condicións hixiénicas que poñan en perigo a súa vida e causen molestias aos veciños son "condicións suficientes" para que o Concello actúe e desaloxe aos animais ao tempo que abra o correspondente expediente sancionador aos seus donos. Ese é o proceder que establece a ordenanza municipal.