O problema do colexio O Cruceiro é "a deficiencia estrutural e non as ratas", segundo o Concello
Por Redacción
O goberno local de Sanxenxo lembrou á Xunta que o Colexio O Cruceiro segue esperando a que a Consellería de Educación resolva as deficiencias estruturais que presenta o centro educativo de Vilalonga, e sinala que "este é o problema máis grave" que ten o colexio e non as ratas.
A Concellería de Medio Ambiente asegurou que leva realizando trimestralmente un "escrupuloso" traballo de desratización e desinfección no colexio Cruceiro, prestando unha especial atención "a que este non sexa un problema para os escolares de Vilalonga".
"O abandono no que están as vivendas e a grave deterioración estrutural da edificación" obriga, segundo o goberno local, a un control constante para eliminar a presenza de roedores no centro escolar.
Por outra banda, o goberno local lembra á Xunta que os problemas do centro escolar Cruceiro "non son precisamente os que dependen da administración local e que, a presenza de ratas, por tanto, non é a principal preocupación da comunidade escolar, ao ser un problema controlado".
Lembran que desde fai tres anos a Unidade Técnica da Consellería de Educación non visita o colexio Cruceiro "polo que descoñece os problemas reais que presentan estas instalacións".
A comunidade educativa do centro decidiu solicitar por escrito a realización dunha visita que permita aos técnicos da Xunta comprobar o "estado real dun colexio obsoleto e que presenta deficiencias en diferentes servizos, como a fontanería, a calefacción ou a electricidade".