Máis de cen escolares de Sanxenxo participaron na "Noite de terror" solidaria
Por Redacción
Ata 120 escolares de Sanxenxo participaron durante a fin de semana na quinta edición da "Noite de terror". Trátase dunha iniciativa solidaria a través da cal se recolleron alimentos non perecedoiros, que doaban as familias dos menores. As doazóns, que se entregarán a Cáritas Parroquial de Sanxenxo, terán como destinatarias a familias con escasos recursos, antes do nadal.
As actividades, desenvolvidas na Biblioteca do Pazo Emilia Pardo Bazán, estaban dirixidas a alumnos de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 4º da ESO. Os escolares compartiron cea, almorzo e unha noite de xogos e diversión. Desde a Concellería de Cultura agradecen a colaboración desinteresada de familiares das traballadoras deste departamento, pola súa participación e axuda.