Rescatan un menor atrapado nas escaleiras da piscina de Pontemuíños
Por Redacción
Unha das piscinas do Complexo Deportivo Rías do Sur, situado en Pontemuíños, foi o inusual escenario de traballo para os bombeiros de Pontevedra este domingo.
E todo iso porque un menor, que nadaba nunha piscina, quedou atrapado nas escaleiras de acceso e tivo que ser rescatado polos bombeiros da cidade, segundo informou o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia.
Cando lograron sacalo, comprobaron que o pequeno tiña diversos hematomas e arañazos, polo que foi evacuado polos servizos sanitarios de urxencia.
O operativo de rescate activouse grazas á chamada dun particular ás 14.00 horas deste domingo.
Ademais dos bombeiros, no operativo participaron Urxencias Médicas e a Policía Local de Pontevedra.