Limpan a fondo e revisan o estado do principal parque infantil de Ponte Caldelas
Por Redacción
Operarios do Concello de Ponte Caldelas realizaron nos últimos días unha limpeza integral e a fondo do parque infantil do centro da vila coa fin de atender as demandas dos veciños, pais e nais de nenos usuarios destas instalacións municipais.
Esta intervención a fondo permitirá mellorar as condicións de salubridade do entorno do parque infantil ao tempo que se procedeu á correcta revisión dos aparatos para uso e goce dos cativos.
Os traballadores do Concello procederon a unha limpeza exhaustiva e pormenorizada a cargo dunha brigada especialmente dedicada a este cometido e tamén empregaron mangueiras a presión e deterxentes axeitados para deixar o pavimento de goma libre de lixo e sucidade.
O actual estado do parque supoñía, recoñece o goberno municipal, unha mala imaxe da zona así como un foco de posibles enfermidades para os nenos e nenas usuarios do recinto.