Bueu quere destinar a proxectos sostibles os montes comunais do municipio
Por Redacción
O Concello de Bueu está a ultimar unha nova ordenanza municipal reguladora dos bens comunais coa que se busca dar novos usos e aproveitamentos aos montes comunais non clasificados. Este documento está sendo estudado e agárdase aprobalo proximamente.
A ordenanza recolle un aproveitamento sostible do monte comunal, co que ofrecer tamén outras posibilidades de emprego.
Entre os usos, xa se avanzou que se está traballando nun plan marco no que se recollerán as bases para que se presenten os proxectos, que se vincularán en catro eixos de actuación e usos do monte: social, económico, ambiental e turístico.
O instrumento de traballo será a creación dun inventario con eses bens municipais e os posibles usos para os que serían axeitados.
A concellaría de Desenvolvemento Local está traballando na elaboración destas bases, aínda que esta semana xa se adiantou que nelas se vai regular o tipo de aproveitamento que se estipula en cada lugar e os criterios de adxudicación.
Con esta ordenanza, o Concello pretende establecer o instrumento legal para darlle cobertura aos usos e aproveitamentos dos montes comunais e acoller iniciativas que avoguen polo desenvolvemento sostible, a autonomía alimentaria e o aproveitamento da superficie forestal.