Medio Ambiente rexeita repoñer o muro da praia de Canelas e obriga a buscar unha nova solución
Por Redacción
A negativa da Xunta de Galicia á reposición do muro situado nun dos accesos á praia de Canelas, deteriorado desde principios deste ano por mor da erosión, obrigará ao Concello de Sanxenxo a buscar unha nova solución técnica que poña fin aos problemas de inseguridade e perigo que existe actualmente nesta baixada ao areal.
O proxecto municipal, que consistía na construción dun muro de mampostería e a reparación dun tramo do viario, dispón da autorización de Costas pero a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, cuxo informe favorable é indispensable, considera que a solución exposta non é acorde cos principios do Plan de Ordenación do Litoral (POL).
Esta actuación consistía na construción dun muro trapezoidal de mampostería ao longo de 17 metros, ademais da reposición do viario de 3,50 metros de ancho da mesma lonxitude, para o que sería necesario un recheo.
Pero no seu informe, a consellería apunta que a contorna paisaxística da praia de Canelas destaca polo cordón dunar que se aprecia no fondo da praia e no que consideran que "impactaría" un muro de 5 metros de altura e 17 de lonxitude, provocando un "efecto muralla, que rompe de xeito abrupto a liña natural do terreo".
Por iso, recomenda ao Concello buscar unha solución técnica que contemple a ampliación do viario na marxe contraria á liña da praia, así como a restauración do muro xa existente "sen introducir elementos alleos que supoñen unha ruptura na fronte da praia como suporía o muro de cinco metros proxectado".
O informe negativo de Medio Ambiente supuxo un atraso nunha actuación cuxa execución estaba prevista de forma inmediata, pero a Concellería de Urbanismo traballa xa nunha alternativa técnica que nas próximas semanas remitirá a Costas para tramitar a súa autorización antes de ser sometida de novo a avaliación por parte de Medio Ambiente.
A praia de Canelas, do mesmo xeito que outras do litoral de Sanxenxo, rexistra fochas e surcos como consecuencia da auga das choivas, uns danos que desde o goberno municipal consideran que son "reversibles" e sobre os que actuará "cuando las condiciones meteorológicas y las fechas nos lo aconsejen", explica a edil de Medio Ambiente, Coral González-Haba.