Unha tarxeta deseñada por unha nena de dez anos felicitará as festas do Nadal en Poio
Por Redacción
Un traballo presentado por Irene Chayán Calveiro, una rapaza de dez anos que estuda no CEIP Viñas, será o que se edite como tarxeta de felicitación institucional do Concello de Poio para as próximas festas do Nadal.
Así o decidiu o xurado do concurso organizado pola Concellería de Cultura.
Esta nena, representante da parroquia de San Salvador, foi a que presentou o mellor deseño das 313 propostas presentadas este ano.
Pero tamén haberá premios para outros catro rapaces: Claudia Acevedo Pérez do CEIP Espedregada (parroquia de Samieira), Fabián Bermúdez do CEIP Espedregada (parroquia de Raxó), Agustín Torres Lores do CEIP Espedregada (parroquia de Combarro) e Silvia Villaverde Alonso do CEIP Isidora Riestra (parroquia de San Xoán).
Os membros do xurado destacaron a boa participación desta edición do concurso e quixeron agradecer moi especialmente a colaboración da dirección e o profesorado dos centros educativos do municipio polo seu apoio a este certame.
A calidade das tarxetas, aseguran, vai en aumento cada ano, e o xurado tivo unha longa deliberación na elección dos traballos gañadores.
O acto de entrega de premios, un agasallo conmemorativo e un premio de 60 euros, terá lugar durante a celebración da Festa de Reis organizada pola Concellería de Cultura na tarde do 5 de xaneiro na Seca, aberta a todo o público e de balde, onde se levarán a cabo actividades de animación, obradoiros e espectáculos de maxia mentres se agarda a visita dos Reis Magos, que percorrerán o municipio na cabalgata.