Menús con estrela Michelín nos comedores escolares pontevedreses
Por Redacción
Os cociñeiros Beatriz Sotelo e Xoan Crujeiras, posuidores dunha Estrela Michelin e que forman parte do prestixioso Grupo Nove no que están integrados os máis destacados cociñeiros galegos, foron os encargados de elaborar un menú "con estrela" que se serve esta semana nos comedores dos colexios xestionados por Serunión en Galicia.
Deste xeito, entre este xoves e o venres, os nenos pontevedreses poderán degustar este menú especial recibindo, algunhas das escolas a visita destes dous reputados chefs.
Os dous cociñeiros traballaron cos equipos de cociña de Serunión nas receitas e a presentación de distintos pratos que compoñen os menús escolares da compañía para o presente curso. En concreto, o que se servirá esta semana inclúe Crema de xudías verdes con allada galega de primeiro e Lombo de porco breseado en salsa de laranxa e castañas con patacas panadeira de guarnición como segundo.
O obxectivo é poñer en valor a gastronomía galega como un dos alicerces fundamentais da dieta nos comedores escolares de Galicia e mellorar os hábitos alimenticios dos estudantes, así como achegar a alta cociña, os valores dos produtos galegos e a tradición gastronómica galega aos máis pequenos.