Moreira, preocupado polo "silencio de Lores" ante o que considera "ataques continuos" da Deputación á cidade
Por Redacción
O portavoz do grupo municipal do PP, Jacobo Moreira, está "preocupado" polo "silencio de Lores", alcalde de Pontevedra, ante o que considera que son "ataques continuos" da presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra, Carmela Silva, á cidade de Pontevedra.
O PP fai esta afirmación ante o feito de que co novo goberno provincial sexa Vigo "o concello que vai percibir as grandes inversións en detrimento de outros municipios máis pequenos". Recorda Moreira que "hai un refrán que di: quen cala outorga, e neste caso o silencio de Lores faino cómplice das agresións de Carmela Silva a Pontevedra".
"A presidenta provincial xa non oculta a súa predilección por Vigo", indica o voceiro local do PP, que di descoñecer o importe asinado no protocolo entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Vigo, pero "o feito de falar de inversións infinitas, supón toda unha burla cara a Pontevedra, unha burla que consinte o rexedor capitalino".
"Carmela Silva non trouxo un equipo de goberno á Deputación, senón un equipo de mudanza", denunciou o portavoz popular, todo ante a pasividade do goberno local. Na opinión de Moreira, "este é o prezo que temos que pagar os pontevedreses para que os nacionalistas manteñan o seu posto na institución provincial", na que teñen un goberno bipartito PSdeG-BNG.