A Deputación presenta un orzamento de 152 millóns no que "non existe nin un céntimo de libre disposición"
Por Oskar Viéitez
O orzamento da Deputación para o próximo ano ascende a 152 millóns de euros, o que supón un incremento dun 2,4% respecto ao actual.
Carmela Silva e César Mosquera, presidenta e vicepresidente da institución provincial presentaron estas contas que supoñen "profundos cambios nas liñas de actuación, nos obxectivos e nas prioridades" e que recolle o compromiso do bipartito de dar "protagonismo aos concellos" e no que "non existe nin un céntimo de libre disposición".
Carmela Silva subliñou que o orzamento para 2016 recolle "un novo modelo de relación cos concellos baseado no respecto e a equidade" no que se "garanten" os principios de solidariedade e equilibrio intermunicipal e onde as "regras de xogo son iguais para todos, claras e públicas", engadiu a presidenta.
AUMENTA O AFORRO
A presidenta destacou que o orzamento para 2016 cumpre co requisito do déficit cero.
Os ingresos correntes consolidados crecen un 3,2% (4.625.628 euros), sendo "suficientes" para facer fronte aos gastos correntes e "permiten un aforro neto orzamentario consolidado que se cifra en máis de 39 millóns", exactamente 39.198.820 euros.
O aforro aumenta en 6,6 millóns, como consecuencia da redución do gasto corrente (2.024.359 euros) e o aumento dos ingresos correntes.
Carmela Silva sinalou ademais que o endebedamento diminuirá en 13.889.303 euros, destacando o "esforzo na contención do gasto".
"O obxectivo é baixar a débeda actual de 40,9 millóns a 27,1 millóns ao finalizar o ano 2016", informou a presidenta.
OBXECTIVOS E EIXOS DE ACTUACIÓN
Catro son os obxectivos e eixos de actuación destes orzamentos: o Plan Concellos 2016, a protección e mellora do medio natural, a maior asistencia xurídico-técnica para os concellos e o Programa de anticipos.
Respecto ao Plan Concellos 2016 estará dotado con 40 millóns de euros "para garantir a sustentabilidade financeira" dos 60 concellos con menos de 50.000 habitantes. Neste plan contémplanse 14,8 millóns de euros para emprego, actividades e gastos (fronte aos 8,5 do orzamento anterior), e 26,5 millóns para investimentos en obras (9,8 no exercicio pasado).
Supón un 33% máis de axudas que no 2015 para os 60 concellos da provincia con menor poboación. Un 66% do total de gastos en investimentos e transferencias de capital do orzamento de 2016 destinaranse directamente aos concellos.
Contémplanse 47,5 millóns para asistir económica e tecnicamente aos concellos (47.489.021 euros). E 10,6 millóns para os axentes sociais e económicos da provincia (10.607.947 euros), mediante axudas correntes, subvencións e axudas de capital.
En canto ao Plan de Protección e mellora do medio natural incluirá tamén máis recursos para axudar aos concellos. Incluirán 1.880.750 euros para a subministración de composteros e para a mellora dos montes.
O terceiro eixo é a maior asistencia xurídico-técnica para os concellos, cun reforzo do servizo con medios económicos e administrativos "suficientes" para axudar aos concellos e aos veciños no desenvolvemento da xestión administrativa nas mellores condicións "con garantía xurídica en todos os campos de actuación".
Segundo detallou Carmela Silva, crearanse dúas prazas de funcionarios especializados na administración municipal, un vicesecretario e un viceinterventor. Ademais crearase un Consello Asesor que contará coa colaboración dos colexios profesionais e que ditaminará sobre as consultas dos concellos "para que poidan apoiar as súas decisións en criterios solventes".
Mantense o plan de anticipos co que, por primeira vez, concederanse préstamos a longo prazo "sen intereses e sen comisións", destinados a financiar os investimentos dos concellos "que se asinarán en concorrencia entre os concellos que o precisen".
A presidenta da Deputación informou que o servizo de emprego encargarase de desenvolver os programas de fomento de emprego, apoio a empresas da provincia, apertura dos viveiros de emprendedores de Barro e Lalín, formación, prácticas laborais, axudas á creación de emprego. Serán preto de 4 millóns de euros, que se engadirán aos 9 millóns para emprego dos concellos. En total 13 millóns de euros "o 8,5% do total dos orzamentos" para fomento do emprego, destacou Carmela Silva.
Ademais potenciaranse as actividades turísticas tras a elaboración dun plan estratéxico e un calendario de plataformas de promoción dos recursos da provincia, a redacción dos plans directores dos castelos de Soutomaior e Sobroso. Un total de 3.434.044 euros que "deben reforzar o empuxe a unha atracción turística integral".
Os orzamentos da Deputación inclúen 16 millóns de euros para infraestruturas provinciais.
Carmela Silva subliñou que a igualdade entre mulleres e homes constitúe "un dos principais eixos estratéxicos do presente mandato", o que se reflicte na creación do Servizo de Igualdade que contará con 767.313 euros no orzamento e "recursos humanos suficientes".
Tamén citou o apoio e impulso aos servizos sociais municipais e aos colectivos e entidades de iniciativa local, a "forte aposta" pola mocidade, 3,7 millóns de euros para programas de promoción cultural e protección do patrimonio histórico-artístico provincial e os servizos lingüísticos, 1,6 millóns de euros para bibliotecas e arquivos e mantemento do patrimonio documental, 4,2 millóns de euros para o Museo Provincial. Ademais elaborarase un plan estratéxico do deporte na provincia, a promoción externa do deporte provincial e a mellora das instalacións deportivas (máis de tres millóns de euros).
O Centro Príncipe Felipe mantén o seu orzamento de funcionamento, que ascende a 10,5 millóns de euros.
Relacionadas:
-
A Deputación concederá outros 620.000 euros en préstamos sen xuros aos concellos pequenos
Por Redacción |
-
Os concellos de O Grove, Cuntis e Vilanova financiarán diversas obras cos préstamos sen xuros da Deputación
Por Redacción |
-
Aprobado o Plan de práctica laboral en empresas da Deputación
Por Redacción |
-
166 titulados universitarios e de FP farán prácticas nos concellos pontevedreses
Por Redacción |
-
PSOE e BNG aproban o orzamento da Deputación de Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
O PP rexeita os "improvisados" orzamentos provinciais porque non teñen "alma"
Por Oskar Viéitez |
-
O PP asegura que a Deputación pon en risco a supervivencia dos clubes deportivos ao quitar as subvencións "a dedo"
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Moreira, preocupado polo "silencio de Lores" ante os "ataques continuos" da Deputación á cidade
Por Redacción |
-
Os alcaldes do PP denuncian que Carmela Silva trátaos como ao peor barrio de Vigo
Por Redacción |
-
Valoran en 10 millóns de euros o protocolo asinado entre o Concello de Pontevedra e a Deputación
Por Cristina Saiz & Oskar Viéitez |
-
A Deputación anuncia que repartirá un 30% máis de recursos económicos para 60 concellos da provincia
Por Oskar Viéitez |
-
Carmela Silva: "Eu sufrín as dificultades que por ser muller temos para ocupar espazos de poder"
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |