O PP presenta "propostas concretas" para 264 novas prazas de aparcamento en Portonovo
Por Redacción
O grupo municipal do Partido Popular presentará unha moción para a súa aprobación no pleno do día 30, con "propostas concretas" para solucionar a escaseza de aparcamento na vila de Portonovo.
Así propón a creación de 264 novas prazas de aparcamento no casco central de Portonovo. A estas suman as que se poidan crear entre a estrada de A Lanzada e Barbeito, así como na zona de Baltar.
Os populares consideran que a longo prazo, Portonovo necesita unha solución definitiva que, como propuxeron na campaña electoral, pasa pola creación dun aparcadoiro de 300 prazas entre o murallón do porto pesqueiro e a avenida de Pontevedra, que ademais permitiría crear unha gran praza pública de 8.000 metros cadrados.
Pero, a corto prazo, e "cun custe económico moi baixo", o grupo municipal do PP cre que é posible habilitar novas zonas de aparcamento no casco central de Portonovo.
Para elo propoñen, por un lado, habilitar solo de propiedade municipal que está en desuso e, por outro, chegar a acordos con propietarios de solares baleiros. Estes últimos, a cambio de "compensacións", como puidera ser exencións no IBI, para que poidan ceder a utilización das súas fincas como aparcamentos.
Segundo os datos que ofrece o PP, o Concello ten 189 prazas en solares de propiedade municipal. Na rúa Padre Sarmiento, entre a avenida dos Loureiros e Canelas, na praza do Enxido. Ademáis apuntan aos solares de particulares, serían 75 prazas, nas rúas Bella Vista, San Roque, Victoria, Santa Catalina, Areal con Rúa Unión, As Flores, e na rúa Ourense coa rúa Perla.
Tamén propoñen unha reordenación e repintado na zona de Baltar para lograr un mellor aproveitamento. Na actualidade apárcase de forma moi desordenada o que reduce as posibilidades de estacionamento da zona.
Finalmente engaden que fóra do casco central de Portonovo, tamén hai posibilidades de habilitar novos aparcamentos entre a estrada de A Lanzada e Barbeito onde hai varios solares baleiros "cuxos propietarios poderían estar interesados en chegar a acordos co Concello".