O BNG insta ao Goberno a que evite a restricción da pesca no Gran Sol
Por Oskar Viéitez
A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara para pedirlle ao Ministro de Agricultura e Pesca que canto antes presente ante as autoridades do Reino Unido os dous informes precisos para que o sector pesqueiro galego poida continuar faenando nas augas no Gran Sol.
Reino Unido asociouse con Irlanda para poder restrinxir a pesca neste caladorio. Londres quere crear reservas mariñas na súa costa, mais debe incluilas na Política Pesqueira. A Comisión Europea é partidaria de modificalas cuotas da frota de arrastre e de palangre galega se prospera este plan.
Estaríamos falando dun novo golpe á actividade pesqueira
En conclusión, sinala a parlamentaria nacionalista, "se decide declarar zonas marítimas protexidas, estaríamos falando dun novo golpe á actividade pesqueira porque afectaría a case un centenar de embarcacións da frota do Gran Sol".
A deputada do BNG explica que o sector non critica que o Reino Unido decida restrinxir certas áreas pero cuestiona que esa medida teña que ser extensible a toda a área porque as zonas polas que pasaron barcos arrastreiros e palangreiros durante anos non teñen apenas coral ou hábitats vulnerábeis.
Olaia Fernández Dávila recolle as consideracións do sector pesqueiro que sinala que "este aspeito é fácilmente demostrable mediante informes pero que os debe realizar o Goberno español. Precisaríase un informe de impacto que inclúa a denominada en inglés "foot printe", a pegada de arrastre, e un informe da flotabilidade positiva do palangre que utilizan os pincheiros no Gran Sol".
Non é difícil realizar o "foot print" que demostra que zona é un caladoiro tradicional
Sinalan, afirma a deputada do BNG, que o Goberno conta cos dados das embarcacións que alí pescan, polo tanto non é difícil realizar o "foot print" que demostra que zona é un caladoiro tradicional.
No segundo caso, resulta que o Instituto de Oceanografía xa realizou un informe sobre a flotabilidade positiva do palangre para unha situación similar na área do Antártico.
"A reacción por parte da Administración central non se debería facer agardar porque se xoga co tempo en contra".