Poio presenta uns orzamentos "prudentes" para 2016
Por Redacción
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, acompañado polo concelleiro Xulio Barreiro e polo portavoz socialista, Gregorio Agís, presentaron o orzamento para o 2016 que ascende a 11.100.000 euros, incrementando no medio millón de euros ao de 2015.
É o orzamento máis elevado do Concello de Poio, con tendencia de crecemento, despois da caída sufrida no ano 2011 con motivo da crise económica cando se viu reducido a 9,9 millóns. Segundo explicou o concelleiro de Economía, Xulio Barreiro, desde aquel axuste está a recuperarse de forma moderada o balance económico. Indicou que se está tendo en conta a situación das familias do municipio e que por iso para 2016 recóllese unha pequena rebaixa no Imposto de Bens Inmobles e na plusvalía. Desta forma, destacou que Poio rebaixa a presión fiscal fronte a outras administracións.
Os gastos de persoal soben un 4,35% coa creación de dúas prazas de administrativo, unha de encargado xeral e outra de tesoureiro. Neste capítulo de persoal, o Concello conta con máis de 70 traballadores entre funcionarios e persoal laboral, a cifra para este próximo ano ascende a 3,5 millóns de euros, na que se recollen 400.000 euros de prazas creadas que non se poden cubrir pola orde do Goberno español, de forma que ese diñeiro derivará noutras partidas orzamentarias.
Consérvase tamén unha importante partida para aqueles proxectos que se poidan acometer con colaboracións con outras administracións como a Xunta de Galicia ou a Deputación Provincial.
No apartado de investimentos recóllese un incremento dun 12% respecto de 2015 con 28.000 euros para modificación do PXOM, proxectos de recuperación de Combarro cunha partida de 31.000 euros e 10.000 euros para a modernización da web do Concello para que se poida poñer en marcha unha administración electrónica.
Vaise pedir un préstamo de 570.000 euros para financiar investimentos reducindo a débeda en 4.000 euros. Barreiro apuntou que desde 2009 reduciuse en 3 millóns de euros a débeda do Concello situándose en 60 puntos porcentuais, trece puntos por baixo do que establece o Goberno.
A intención do goberno local é lograr o equilibrio para evitar desfasamentos no pago aos provedores. Este orzamento que o alcalde de Poio cualifica como "prudente" vai levarse á comisión de Facenda do luns 23 para que se debata no pleno do martes 24.