O furto de cartón e a caída do consumo baixan os índices de reciclaxe en Vilagarcía
Por Oskar Viéitez
Os índices da recollida selectiva relativos ao papel e cartón e aos envases lixeiros no Concello estanse vendo afectados polas consecuencias da crise económica.
O dato máis chamativo corresponde á recollida de papel, que descendeu un 17,43% en 2012 con respecto ano ano anterior, unha porcentaxe que se eleva ao 35% se nos remontamos catro anos atrás.
Dende Coregal, a empresa que se encarga da recollida destes materiais en Vilagarcía, apuntan que o furto do cartón é a causa deste importante descenso que se rexistra a nivel xeral nos municipios galegos, posto que son moitas as persoas recorren a esta práctica para obter algúns ingresos vendendo o material ás empresas procesadoras e de reciclaxe de papel.
O retraemento do consumo tamén incide nesta evolución, aínda que en menor medida.
A imaxe de persoas quitando cartóns dos depósitos utilizando as mans e mesmo longas pinzas de metal é frecuente polas noites en varias rúas de Vilagarcía onde mesmo estacionan as furgonetas nas que trasladan o material a carón dos contedores.
Os índices oficiais de recollida de cartón en Vilagarcía evolucionan á baixa dende hai catro anos, aínda que os descensos máis acusados producíronse nos dous últimos anos. En 2009 recolléranse 863.830 quilos e 821.900 en 2010. No ano 2011 a cantidade caeu ata os 679.970, chegando en 2012 ás 561,4 toneladas.