Denuncian que Poio é o único Concello cun Parque de Bombeiros pero sen servizo de bombeiros
Por Redacción
O PP de Poio critica ao goberno local ao entender que o alcalde Luciano Sobral incumpriu un anuncio realizado en 2013 no que prometía asinar un convenio cos Bombeiros de Pontevedra para que actuasen en situacións de emerxencia no municipio.
Esta crítica é consecuencia da situación que denunciou a Plataforma de Bombeiros lamentando que para intervir na extinción dun incendio en Poio desde o servizo do 112 alertaran aos Bombeiros do Salnés e aos do Morrazo en lugar de que puideran acudir os de Pontevedra, que se atopan a 900 metros.
O portavoz do Partido Popular, Ángel Moldes, declarou sentirse sorprendido polas críticas á Xunta emitidas tamén polo goberno de Poio e engadiu que o goberno bipartito da Xunta no seu momento foi o que elaborou a Lei de Emerxencias cedendo a xestión aos concellos e cando non poidan prestalas serán as deputacións as que teñan que responsabilizarse delas.
Moldes apunta que o convenio que se anunciou desde o goberno local que se asinaría hai dous anos incluiría a actuación dos bombeiros con base na Barca no municipio de Poio cando fose necesario pagando os custos da intervención. Para estes casos solicitaríase a axuda financeira da Deputación xa que, segundo os populares, a Xunta neste ámbito non pode facer nada.
Desde o PP lémbrase que o Parque de Bombeiros de Pontevedra atópase en Poio e que, por tanto, é o único concello cun parque de bombeiros pero sen servizo de bombeiros. E engade que esa base atópase no municipio sen abonar compensacións nin contrapartidas.
Moldes lamenta que este tema non fose tratado na última entrevista entre o alcalde de Poio, Luciano Sobral e a presidenta da Deputación, Carmela Silva.