Aseguran que o CHOP mellorou os seus resultados malia os recortes
Por Oskar Viéitez
O balance asistencial no primeiro ano de xestión integrada nos hospitais de Pontevedra e O Salnés, aproba cun "notable".
Así o Sergas cualifica de "excelente" a redución da espera media para operarse en Pontevedra, que baixa a 33,4 días. A dirección sostén que a redución de listas de espera e gastos "non é a custa de diminuír a calidade" senón á mellora da eficiencia.
Segundo os datos presentados hoxe en rolda de prensa realizáronse 1.036 operacións máis que en 2011 e aforraron 1,6 millóns de euros en gasto farmacéutico.
Na presentación do balance asistencial do pasado ano, o director de Procesos con Ingreso, José Antonio Ortigueira, destacou que este modelo de xestión favoreceu unha "maior eficacia e eficiencia" dos recursos económicos. Así, cualificou de "excelentes, se se comparan cos demais" os datos en materia de listas de espera para cirurxía, primeiras consultas e probas diagnósticas.
"O aumento de produción, a diminución dos custos non se fan a custa de diminuír a calidade, en absoluto, máis ben todo o contrario", afirmou Ortigueira, "é un Hospital moi eficiente", insistiu.
O xefe de Procesos con Ingreso explicou que o efecto dos recortes económicos foi mesmo un "aliciente" para a posta en marcha dalgunhas iniciativas como a Consultoría de feridas e agora estánnolo a copiar en toda Galicia".
Respecto aos recortes, José Antonio Ortigueira recoñeceu que "todos o notamos no día a día".
" Temos que aproveitar máis as cousas, temos que ser máis coidadosos con todo o que temos nas nosas mans pero para os efectos dos resultados da asistencia sanitaria, me refiro á cantidade do que facemos e á calidade co que o facemos non houbo retroceso, todo o contrario, estamos a mellorar", declarou.
Ortigueira argumentou que "esta situación económica que nos fai mirar en que gastamos e como gastamos o diñeiro foi un aliciente para poder centrarnos en cousas ás que antes non dabamos importancia e agora miramos todos os casos con máis detalle", dixo en referencia á Consultoría de feridas.