CIG Saúde denuncia falta de transparencia do Sergas sobre as listas de espera do CHOP
Por Oskar Viéitez
Hai poucas semanas publicáronse nos medios de comunicación os datos das listas de espera (cirúrxicas, de consulta e de probas diagnósticas) do primeiro semestre de 2013 no Servizo Galego de Saúde e entre eles os desta Área. Os datos da Área de Xestión Integrada Pontevedra e Salnés, son aparentemente bos, se os comparamos cos doutras áreas sanitarias. Sen embargo, para os responsables do sindicato CIG-Saúde, "os datos publicados non reflicten a realidade das listas de espera desta Área".
Argumentan dende a central nacionalista que "a negativa a informar sobre as chamadas Listas non estruturais, é dicir sobre aqueles pacientes que por motivos pouco claros non son incluídos nas listas de espera estruturais, permite ás xerencias ocultar a verdadeira realidade das listas de espera".
CIG Saúde sostén que "esa falta de transparencia na xestión das listas, e o seu uso partidista, réstalle credibilidade ás listas de espera publicadas, e xustifican a nosa desconfianza sobre a realidade das listas na Área de Pontevedra e Salnés".
Nestas condicións, a publicación das listas "convértese nun acto de propaganda da Dirección do CHOP", polo que estes voceiros demandan "que se deixe de facer propaganda con este tema e se introduza transparencia, publicando a realidade das listas, non só das estruturais senón tamén das non estruturais".
Relacionadas:
-
Os hospitais de Pontevedra rescatan a Vigo ao dispararse a súa lista de espera
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
As listas de espera do CHOP son as máis baixas de Galicia por segundo trimestre consecutivo
Por Natalia Puga |
-
Aseguran que o CHOP mellorou os seus resultados malia os recortes
Por Oskar Viéitez |