Fiscalía recorre o arquivo da causa contra un local cun centenar de denuncias por ruído
Por Natalia Puga
A Fiscalía da Audiencia Provincial de Pontevedra quere que siga adiante a causa xudicial aberta contra un pub da praza do Teucro contra o que hai un centenar de denuncias por ruídos nos últimos 12 anos. O xulgado arquivou a denuncia, pero a Fiscalía recorrerá esta decisión, segundo transcendeu este venres.
A propia Fiscalía enviara o caso ao xulgado de instrución tras investigar as reiteradas denuncias presentadas por unha veciña afectada polo exceso de ruído do local e agora, desconforme coa decisión xudicial, presentará o recurso porque, a diferenza do xulgado, si ve indicios de delito nos feitos e aproveita que o auto do mes de outubro era recurrible.
Unha veciña da zona denunciou varias veces ante o Concello de Pontevedra os ruídos excesivos do citado pub e chegou a realizar un proceso de recollida de firmas entre os veciños da contorna para presentar ante Disciplina Urbanística. Desde o ano 2003 chegou a presentar ata un centenar de queixas, pero a nivel administrativo non conseguiu unha solución ao seu problema, de modo que decidiu recorrer á Fiscalía.
O fiscal si vía delito na actividade do pub, un contra o medio ambiente pola contaminación acústica provocada, do que serían autores os responsables do local, e outro por presunta prevaricación por omisión do que a responsablidade estaría no propio Concello de Pontevedra por non meter man no asunto antes. O xuíz non está de acordo, de modo que non admitiu a trámite a denuncia do fiscal e, por tanto, a causa quedou arquivada.
O Concello de Pontevedra sempre mantivo que actuou contra o local e chegou a decretar unha orde de peche. Antes de que a executasen, o dono do negocio pechou voluntariamente para realizar as obras necesarias para o seu illamento acústico e acometeu outro tipo de obras necesarias para retomar a actividade.