O subdelegado asegura que a impunidade nos ataques a vendedores dos mercadillos da provincia "acabou"
Por Oskar Viéitez
A subdelegación do Goberno de Pontevedra acolleu este venres unha reunión dos responsables das Forzas e Corpos de Seguridade na provincia cos alcaldes dos municipios onde se celebran mercadillos, nos que hai presenza de vendedores de etnia xitana.
A iniciativa é unha resposta á preocupación mostrada polos rexedores ante os episodios de violencia vividos en feiras de Cangas, Redondela e, especialmente, o tiroteo a un vendedor rexistrado en Vigo.
Así, acudiron rexedores e representantes dos gobernos locais de Vigo, Cangas, Barro, Poio, Redondela, O Porriño, Tui, Baiona, Moaña, Vilaboa, Vilagarcía, Cambados, A Guarda, Bueu, Mondariz, Marín, Ponteareas, Salceda e Tomiño.
O subdelegado, Antonio Coello, dixo ao remate da reunión que a impunidade nos ataques a vendedores dos mercadillos da provincia "se ha acabado" e sinalou que a Policía Nacional ou a Garda Civil apoiarán aos gardas municipais dos municipios onde hai mercadillos.
Por petición expresa dos alcaldes, o subdelegado dirixirase á Xunta para que tome medidas baseándose nas competencias que lle atribúe a Lei de Comercio de Galicia.
"NINGUÉN SE PODE SENTIR IMPUNE"
A alcaldesa de Porriño, Eva García de la Torre, dirixiu as súas críticas á Fiscalía por arquivar as dilixencias polo desterro temporal dos coñecidos como 'zamoranos' tras ser ameazados polo de clan dos 'morones'. A rexedora cualificou de "vergonzoso" este acordo adoptado o ano pasado coas agrupacións xitanas enfrontadas.
"Ninguén se pode sentir impune", dixo Eva García de la Torre, e sinalou que neste conflito "todos" saben que "hai extorsión dunha parte cara a outra".
Igualmente o alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos, pediu unha actuación "contundente e rápida" da Fiscalía e sinalou á Xunta para que interveña exercendo as súas competencias no marco da Lei de Comercio.
MERCADOS DE VIGO
O concelleiro de Seguridade do Concello de Vigo, Carlos López Font, explicou que os mercados da Bouza e Bouzas, seguirán suspendidos ata que estean "garantizadas las condiciones de seguridad" e "se esclarezcan los graves hechos" ocorridos na VG-20.
"Los que cometieron actos delictivos que sepan que van a ser detenidos" e lanzou unha mensaxe a "quienes tengan la tentación de querer cometer actos delictivos", a quen dixo "que sepan que también se van a perseguir", e remachou "aquí la ley es igual para todos".
Respecto da reunión, valorou "positivamente" este encontro que cualificou como "muy necesario" e mostrou "apoyo total" á Policía Nacional e á Garda Civil.
Finalmente indicou que o goberno local da cidade olívica está a traballar na modificación da ordenanza que regula os mercadillos "para adaptarla a la situación en la que nos encontramos actualmente", concluíu.