Novavila seleccionada entre os mellores "aloxamentos do viño" de España e Portugal
Por Oskar Viéitez
A nova guía de Aloxamentos do Viño de Enotel Collections World seleccionou ao hotel enolóxico Novavila, en Meis, entre os 56 establecementos de Europa que forman parte das súas recomendacións.
Novavila convértese así nun dos dous únicos hoteis enolóxicos de Galicia que forma parte desta prestixiosa e exclusiva guía.
Enotel Collections World é unha marca internacional de calidade creada para diferenciar un segmento singular da oferta hoteleira, baseada non só na calidade dos seus viños, senón na súa singular localización e a súa privilexiada relación co ámbito.
Todos os establecementos seleccionados son considerados obxectivos turísticos de primeira orde e lugares de destino para o máis esixente turismo internacional.
Como sinala Ferran Adriá no prólogo da publicación "esta coidada guía representa unha aproximación a algunhas das máis ambiciosas adegas-hotel da nosa xeografía como punto de partida para excelentes rutas con encanto e marcos para gozar de estanzas agradables e relaxantes".
Novavila xa se converteu o pasado ano nun dos 46 exclusivos establecementos seleccionados en toda Europa pola guía de viaxes e hoteis de luxo de Condé Nast Johansens, considerada como a principal editora internacional de guías de hoteis de luxo do mundo.
Así mesmo, Fernando Galardo, editor da guía 'Hoteis con Encanto' definiu a Novavila como "a experiencia máis sensorial e amigable do enoturismo en España".