A Garda Civil detén un veciño de Poio por falsificación de moeda
Por Redacción
A Garda Civil detivo a G.A.C.C., de 38 anos de idade e veciño de Poio, como suposto autor dun delito de falsificación de moeda.
Ás 14 horas do pasado martes día 10, dúas patrullas da Garda Civil de Pontevedra, cando se atopaban realizando un dispositivo operativo preventivo, na estrada N-550, no lugar de Paredes, no termo municipal de Vilaboa, deron o alto a un turismo marca Seat Ibiza, ocupado unicamente polo seu condutor.
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, no transcurso da súa identificación este home tentou ocultar dez billetes de dez euros no interior dunha mochila. Ante esta actitude, os axentes comprobaron que se trataba de billetes falsos ao carecer de elementos de seguridade e presentar todos eles o mesmo número de serie.
A continuación procedeuse a realizar un rexistro do turismo e un cacheo superficial do detido incautándose un total de 465 euros fraccionados en billetes de curso legal ademais de 31,90 euros en moedas, todos eles, supostamente, produto das voltas das compras realizadas cos billetes falsos.
Por todo iso procederon á súa detención como suposto autor dun delito de falsificación de moeda e foi conducido ás dependencias oficiais da Garda Civil de Moaña para a instrución de dilixencias.
O detido, que carece de antecedentes policiais, quedou en liberdade coa obrigación de presentarse ante o Xulgado de Instrución número un de Cangas, cando para iso sexa requirido.
COLABORACIÓN CIDADÁ
A Garda Civil solicita a colaboración cidadá para previr estes delitos xa que ao ser billetes pequenos o prexudicado non adoita denunciar os feitos ante as Forzas e Corpos de Seguridade, o que fai difícil a súa detección e persecución e insiste na necesidade de seguir as tres normas esenciais para descubrir un billete falso: tocar, mirar e virar.