406 persoas precisan teleasistencia domiciliaria na provincia
Por Redacción
Na actualidade, 406 mulleres e homes que precisan de atención continuada na provincia contan co servizo preventivo de axuda da Deputación de Pontevedra.
A administración provincial presta o servizo de teleasistencia domiciliaria, desde o ano 1998, a través dun convenio de colaboración cos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, co obxectivo de mellorar a calidade de vida de persoas que precisan dunha atención continuada, persoas maiores, enfermas ou con discapacidade que vivan soas ou persoas que, vivindo acompañadas, teñan as súas facultades moi minguadas para valerse na vida cotiá.
Así, 47 concellos da provincia de Pontevedra son os que, na actualidade, manteñen un convenio de colaboración polo que, xunto coa Deputación cofinancian a teleasistencia domiciliaria atendendo a un total de 406 usuarios.
Este servizo permite que os usuarios, con só pulsar un botón e mediante a liña fixa de telefonía, teñan resposta inmediata en canto a situacións de emerxencia no fogar as 24 horas do día e os 365 días do ano, permitíndolles vivir no seu domicilio con tranquilidade e seguridade.
Este xoves, 12 de novembro, usuarios de teleasistencia dos concellos de Sanxenxo, O Grove, Cambados, Meis, Portas, Ribadumia, Vilanova de Arousa e Barro, gozarán dunha xornada de convivencia e lecer, con actividades lúdicas diversas na Sala Nauta do Concello de Sanxenxo, co obxectivo de que poidan contactar con outras persoas, intercambiar experiencias e romper a rutina diaria.