Bueu non quere depender da área sanitaria do hospital de Santiago
Por Redacción
O Concello de Bueu celebrou este luns a súa sesión plenaria correspondente ao mes de novembro, co protagonismo de varias mocións presentadas polos grupos municipais, unha delas incluída na orde do día e as outras por vía de urxencia.
O grupo de goberno do BNG presentou na orde do día unha moción referente á recuperación da atención de alto nivel para Bueu e a inclusión do municipio na área do hospital Álvaro Cunqueiro. Na moción explicábase que antes da instrución de xullo de 2013 pola que se reordenan os hospitais, Bueu estaba asignada a Vigo, pero coa nova organización pasa a depender de Santiago. Por iso se pide a suspensión desta instrución, ademais de que Bueu se volva sumar á área de Vigo, e a defensa da sanidade pública, entre outras cuestións. A moción foi apoiada polo BNG, o PSOE, ACB-SON, e descartada polo PP.
A pleno foi levada pola vía da urxencia a moción conxunta de apoio con motivo da marcha estatal contra as violencias machistas do 7 de novembro e a adopción de medidas para paliar a violencia de xénero. O pleno gardou ademais un minuto de silenzo polas catro mulleres asasinadas en España pola violencia machista esta fin de semana.
Pola súa banda, e xa desde o comezo os concelleiros e concelleiras do BNG, PSOE e SON luciron carteis nos seus estrados co lema "Nós apoiamos o cerco galego por un reparto xusto", aprobando tamén unha moción de apoio ao cerco galego por un reclamo xusto das cotas, unha insistencia no cambio da Política Pesqueira Europea, a reivindicación sobre as augas galegas, o apoio á folga indefinida de Acergal, e a reprobación ao inmobilismo dos gobernos na defensa dos dereitos dos mariñeiros. A urxencia desta moción, levada a pleno polo BNG, foi xustificada debido a que "a pesca é un sector que afecta directamente aos nosos veciños e ao noso emprego", segundo resaltou o alcalde, Félix Juncal.
O grupo do Partido Popular puxo fin ao pleno con dúas mocións que foron respaldadas por unanimidade: unha a favor do inicio dun expediente de licitación para o servizo de telecomunicacións e o control de gasto en telefonía, e outra referente á ampliación de actividades destinadas a fomentar a coeducación e a aprendizaxe igualitaria entre homes e mulleres desde os colexios, tarefa que xa se está levando a cabo desde o Centro de Información ás Mulleres de Bueu.
O pleno, no que tamén interviron representantes da ANPA Cabo Udra de Beluso e o voceiro dos afectados do Edificio Pintos entre outros, pechouse en torno á media noite.