Sanxenxo busca un maior crecemento e promoción para o seu turismo náutico
Por Redacción
O goberno local de Sanxenxo e a xunta directiva do Consorcio de Emprerarios Turísticos (CETS) mantiveron na tarde do venres unha reunión para establecer novas liñas de traballo que permitan a Sanxenxo liderar o potencial que pode ter para o municipio formar parte de Estacións Náuticas, unha asociación de ámbito estatal na que Sanxenxo está integrada desde hai tempo pero á que tanto Gonzalo Pita como Jesús Sueiro, por parte do Concello, como Francisco González, do CETS, consideran que se pode sacar un maior rendemento.
Empresarios e administración local queren traballar conxuntamente na promoción do turismo náutico e na súa comercialización, polo que consideran que Estacións Náuticas pode ofrecer as ferramentas adecuadas para conseguir a proxección e crecemento ao que Sanxenxo aspira para o seu turismo náutico.
E con este obxectivo común, desde o CETS están dispostos a aglutinar a iniciativa empresarial ao redor dun proxecto de mellora da calidade do produto de turismo náutico, mellorando así a súa competitividade. A administración local, pola súa banda, planificaría a través da Estación Náutica, liderada por Sanxenxo, a planificación do turismo no destino, coordinaría con outras administración a xestión dese turismo e utilizaría os recursos da Asociación Española para a mellora da competitividade do sector empresarial, da creación do produto, da súa promoción e comercialización, etc.
A Asociación Española de Estacións Náuticas naceu en 1988 sen ánimo de lucro, contando co apoio da Secretaría de Estado de Turismo, e que na actualidade está formada por unha serie de destinos repartidos por todo o litoral español das comunidades autónomas de Andalucía, Illas Baleares, Canarias, Cataluña, Ceuta, Galicia, Murcia, Comunidad de Madrid e Comunidade Valenciana, que ten como obxecto principal o favorecer a promoción e comercialización do turismo náutico e activo en España, coordinando as actividades en beneficio da globalidad de Estacións membro e garantindo que o produto que se ofrece é de calidade.
Unha estación náutica é un espazo turístico e recreativo que permite a práctica do turismo náutico, entendido como vacacións activas en contacto coa auga, coa posibilidade de realizar todo tipo de actividades náuticas en tempo de lecer: ver lixeira, ver de cruceiro, motor, windsurf, surf, submarinismo, piragüismo, remo, chárter de cruceiros, etc, compartindo a actividade náutica co aloxamento e o goce da natureza e a oferta turística e recreativa da contorna.
Relacionadas:
-
Turismo de Sanxenxo xa é unha empresa 100% pública
Por Redacción |
-
Unha "operación acordeón" para converter Turismo de Sanxenxo en empresa municipal
Por Redacción |
-
Nauta Sanxenxo remite material promocional ao salón náutico da Rochelle
Por Redacción |
-
Un final de etapa da prestixiosa regata La Solitaire du Figaro de vela, obxectivo de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Sanxenxo promove en Francia o porto deportivo como "parada obrigada"
Por Redacción |