A Xunta citará nos vindeiros días aos veciños afectados polas expropiacións da Variante de Marín
Por Redacción
A consellería de Infraestruturas e Vivenda citará nas vindeiras semanas aos veciños afectados polas expropiacións efectuadas para execución da Variante de Marín. O Executivo autonómico abonará máis de 800.000 euros neste concepto.
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Pontevedra vén de publicar o anuncio polo que se convoca ao primeiro pago a un grupo de afectados do Concello de Marín, e nos vindeiros días publicarase o anuncio polo que se convoca ao primeiro pago aos de Pontevedra. A relación concreta dos afectados aos que se pagarán as indemnizacións estará publicada nos edificios dos respectivos concellos.
No primeiro pago no Concello de Pontevedra serán 341 as fincas que se abonarán, cuxos titulares cobrarán un total de 469.270,12 euros. O pago aos afectados efectuarase no Pazo da Cultura de Pontevedra o martes 24 e o mércores 25 de novembro, debendo acudir entre as 10.00 e as 12.00 horas os titulares dos bens afectados.
Pola súa banda, segundo se anunciou no BOP, o xoves 26 de novembro realizarase o primeiro pagamento a afectados do Concello de Marín. Este efectuarase na Casa do Consistorial do Concello de Marín, debendo acudir entre as 11.00 e as 11.30 horas os titulares dos bens afectados. Serán 47 fincas as que serán pagadas, polas que se abonarán 87.907,98 euros.
A consellería de Infraestruturas ten previsto ademais convocar nas vindeiras semanas o pagamento a un segundo grupo de afectados dos dous concellos. Nestes novos pagos abonaranse expropiacións por 157.427,56 euros a titulares de Pontevedra, e 94.002,97 euros a propietarios do Concello de Marín.