Un mozo enfróntase a tres anos e medio de prisión por pegar outros dous ás portas de Carabás
Por Natalia Puga
Un mozo de 24 anos sentará a próxima semana no banco dos acusados da Audiencia Provincial de Pontevedra para render contas por un incidente que protagonizou na madrugada do 26 de xaneiro de 2014 nas inmediacións da discoteca Carabás, na rúa Joaquín Costa, no que presuntamente deu unha puñada a un mozo e unha labazada a outro.
O fiscal considéralle autor dun delito de lesións causantes de deformidade e unha falta de malos tratos polos que pide que sexa condenado a tres anos e medio de prisión e catro días de localización permanente. Ademais, solicita que indemnice ao mozo ao que provocou máis lesións con 7.914 euros, 2.914 polos días de curación e 5.000 polas secuelas, e que paga ao Servizo Galego de Saúde o que lle custou a súa atención sanitaria.
Os feitos ocorreron sobre as 7.30 horas do 26 de xaneiro. O acusado, Aaron C.G., con antecedentes penais, mantivo unha discusión con varias persoas nas inmediacións da discoteca e, no transcurso da mesma, "movido pola intención de causarlles un menoscabo na súa integridade física", propinou primeiro unha labazada a un mozo e despois unha puñada na cara a outro. O primeiro non precisou asistencia, pero o segundo si, pois recibiu o golpe á altura da boca e recibiu feridas nos beizos que tuvieon que ser suturadas e perdeu dous dentes e sufriu importantes danos nun terceiro.
O mozo tardou 90 días en curar e durante catro non puido desenvolver as súas ocupacións habituais. Tras perder dous dentes incisivos superiores sufriu, segundo o fiscal, "un notable detrimento da súa aparencia física".