Un pis cústalle 1.000 euros
Por Redacción
A Policía Nacional detivo unha moza de 33 anos como presunta autora dun delito de furto por presuntamente levar 1.000 euros dunha casa da parroquia de Ponte Sampaio aproveitando a confianza da súa propietaria, que lle deixou pasar ao interior da vivenda para utilizar o cuarto de baño.
Os feitos ocorreron na tarde do 12 de outubro, día festivo. Unha veciña estaba na súa casa cando outra muller chamou á porta e pediulle permiso para utilizar o cuarto de baño. Deullo e presuntamente aproveitou que entraba na vivenda para acceder a outra das estancias da mesma.
Cando a muller marchou, a dona da casa deuse conta de que lle faltaban 1.000 euros que tiña nun baúl, feitos polos que presentou unha denuncia na Comisaría da Policía Nacional de Pontevedra. Os investigadores comezaron as pescudas para localizar á presunta ladroa, da que a vítima achegou unha descrición física.
Fontes policiais confirmaron que esta semana foi detida a presunta autora, unha muller residente en Tenorio (Cotobade) con 28 antecedentes policiais por feitos similares. Tras prestar declaración na Comisaría e no Xulgado de Garda, quedou en liberdade.
A Policía Nacional confirmou que teñen constancia doutro roubo producido en Ponte Sampaio nos últimos días, pero as vítimas non formalizaron denuncia na Comisaría.