Tres traballadores resultan feridos na Toxa cando descargaban vidro
Por Redacción
Unha descarga de vidro rematou provocando un curioso accidente laboral arredor das dez da mañá na Illa da Toxa no Grove nas proximidades do Casino e do Hotel Hesperia. Segundo informaba o 112, tres traballadores que descargaban vidro dunha furgoneta resultaban feridos de distinta consideración. Un dos operarios sufriu un golpe na cabeza, un segundo traballador feriuse nunha perna e o terceiro traballador sufriu un desmaio e, segundo algunhas testemuñas, mesmo con convulsións.
Segundo as mesmas fontes, as causas do accidente producíronse ao caerlles un material pesado enriba. O 112 foi alertado por un particular e ata a zona desprazouse unha unidade de Urxencias Médicas que trasladou aos tres feridos ata un centro hospitalario para a súa observación.
Accidente en Sanxenxo
Na estrada PO 308 á altura do Hotel Nanín producíase un accidente bastante aparatoso pero sen que se producisen feridos. Un camión que transportaba bombonas de gas a presión sufriu a perda dunha das bombonas. Segundo informou o 112, tres vehículos foron golpeados, entre eles un que viña en dirección contraria pero non se produciu ningunha vertedura na zona.
Ata o lugar onde se produciu o suceso desprazouse a Garda Civil.