O Concello recorrerá a última sentenza sobre Veteris
Por Redacción
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de notificar esta semana ao Concello unha sentenza pola que se anulan os acordos municipais do ano 2010 polos que se adxudicou directamente o aparcamento soterrado da rúa de Antón Fraguas á promotora Veteris, que tiña executado a obra grazas a un acordo municipal unánime adoptado en 2003.
O actual concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, destaca que a sentenza foi notificada ao Concello o pasado luns e aínda está a ser estudada polos técnicos. Non obstante, xa pode anticipar que a resolución, que non é firme, será recorrida dentro do prazo legal de 15 días.
"Dunha primeira análise do texto legal volve quedar claro que a raíz deste conflito urbanístico está na anulación da modificación da normativa do Plan Xeral de Urbanismo sobre o uso do subsolo e que permitiu a execución do aparcamento abranguendo simultaneamente solo público e privado sen concurso público".
Esa modificación, que foi aprobada en 2003 cos votos dos grupos municipais PP, BNG e PsdeG-PSOE, deu soporte ao convenio con Veteris e ao Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións. E todo elo foi anulado por outra sentenza do ano 2007.
Diante da situación de inseguridade xurídica creada, no ano 2010 tramitouse a adxudicación directa da explotación do aparcamento á empresa que o tiña construído. Trámite que, ao estar apoiado necesariamente nos actos administrativos do ano 2003, foi anulado agora novamente polo Xulgado do Contencioso-Administrativo.
Non obstante, Antón Louro considera que o relevante das actuacións do ano 2010 é a elaboración dunha valoración das obras realizadas, que foi pechada en 3.108.005,14 euros máis IVE. A promotora Véteris aceptou formalmente esa valoración nun acordo de conformidade presentado polo Rexistro e renunciou expresamente ao lucro cesante. Esa cantidade serviu tamén para o cálculo dunha eventual indemnización no caso de que a explotación do aparcamento tivera que saír a concurso público e resultase adxudicataria outra empresa.
Antón Louro considera que os pactos asinados preservan os intereses municipais porque, de abrirse a licitación da parte pública do aparcamento e de non resultar Véteris a adxudicataria, a nova empresa debería depositar como canon anticipado unha cantidade, como mínimo, equivalente á valoración das obras. Ademais, lembra que o acordo con Veteris vai minorando o importe da indemnización en función do período de amortización tras a apertura do aparcamento, producida no ano 2010. En suma, Louro entende que "se ataron os cabos dun xeito intelixente, despois dun amplo debate interno entre os técnicos municipais e dunha longa negociación coa promotora".
O actual concelleiro de Urbanismo lembra que trátase dun tema complexo, que ven de moi atrás e que xa herdou a anterior responsable desta área e que agora tócalle a el xestionar con responsabilidade e lealdade cos acordos adoptados na Corporación municipal.