Anulado o plan urbanístico e a concesión directa do aparcadoiro de Véteris
Por Oskar Viéitez
O voceiro do goberno municipal de Pontevedra, Raimundo González, deu conta de dúas sentenzas xudiciais que complican o futuro do aparcadoiro subterráneo Parking Centro Cidade Véteris, situado baixo a rúa Antón Fraguas.
Por unha parte o Tribunal Supremo anulou a tramitación urbanística. Concretamente anula o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións que amparou no seu día o proxecto. Anúlase por carecer de estudo de impacto ambiental.
Por outro lado o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anula a adxudicación directa da concesión realizada polo Concello á empresa Construciones y obras Véteris S.L. para a explotación do estacionamento.
O concelleiro de Infraestructuras, César Mosquera, apresurouse a aclarar que estas sentenzas "non van supoñer prexuízos para o Concello de Pontevedra". Segundo explicou Mosquera, "nisto se blindou o Concello" xa que no convenio subscrito pola empresa, Véteris renuncia a esixir ao concello o lucro cesante.
Estas sentenzas "non van supoñer prexuízos para o Concello de Pontevedra" en materia económica
Pola súa banda, o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, afirmou que agora os técnicos municipais estudarán as consecuencias destas sentenzas.
"Non son noticias agradables", valorou Louro. "Agora hai que facer todo o necesario para salvar os intereses xerais para que os veciños e usuarios dese aparcamento non sufran ás consecuencias dunha tramitación fallida no ano 2004".
Louro adiantou que haberá que abordar unha modificación de Plan Xeral de Ordenación Municipal para legalizar todo o aparcadoiro e convocar un concurso de adxudicación no que se considere a libre concorrencia. Isto pode supoñer que o concurso o gañe unha empresa distinta á que agora ten a concesión que tería que indemnizar coa parte das obras non amortizada.
Mosquera non puido aclarar se as sentenzas obrigan a pechar a instalación. Posiblemente a parte demandante, os propietarios do aparcadoiro Venezuela, solicite a execución da sentenza e esixa esta medida, "de moi difícil execución", xa que afectaría ás prazas privadas.
Relacionadas:
-
O aparcamento público de Veteris non terá que someterse a tramitación ambiental
Por Redacción |
-
Urbanismo impulsa os trámites para culminar o polígono da Granxa do Vao e regularizar o aparcamento de Véteris
Por Redacción |
-
Moreira pon a Véteris como exemplo da "irresponsabilidad de la gestión urbanística del gobierno de Lores"
Por Natalia Puga |
-
O Concello recorrerá a última sentenza sobre Veteris
Por Redacción |
-
Unha nova sentenza anula a concesión do aparcamento de Veteris e a súa apertura
Por Oskar Viéitez |