Un anoitecer na praia da Lanzada, a mellor paisaxe do verán
Por Redacción
Unha imaxe inmortalizada nunha das principais praias das Rías Baixas é a gañadora da primeira edición do concurso de fotografía A túa paisaxe do verán, organizado polo Instituto de Estudos do Territorio, organismo dependente da Xunta de Galicia.
Trátase dunha fotografía titulada Anoitecer na praia da Lanzada e cuxo autor é Luís Dobarro.
O xurado valorou tanto aspectos paisaxísticos da fotografía presentada, como o carácter divulgativo en relación aos valores paisaxísticos que se están a traballar no Catálogo das Paisaxes de Galicia.
No caso da fotografía gañadora, esta pertence á área paisaxística das Rías Baixas, cuxas peculiaridades climáticas son temperaturas altas durante o verán e suaves no inverno, xunto co engarce entre o litoral e o interior leva á creación dunha área que dende o litoral se introduce cara o interior polos vales que desembocan nos fondos das rías.
O autor da fotografía gañadora recibirá unha cámara de fotos réflex.
Esta acción forma parte dunha serie de concursos que buscan o destaque das paisaxes galegas no esplendor de cada estación, polo que nos próximos días convocarase o concurso A túa paisaxe do outono. Os traballos presentados nas catro convocatorias (verán, outono, inverno e primavera) formarán parte dunha exposición itinerante que percorrerá distintos lugares de Galicia con finalidade divulgativa.