E estas chuvias, ata cando?
Por Redacción
As baixas presións, con ventos do suroeste deixan durante este martes 27 ceos moi anubrados, con chuvascos, ocasionalmente tormentosos, que serán máis frecuentes e intensos pola tarde. As temperaturas descenderán de maneira moderada situándose entre os 11 e os 16 graos centígrados.
Non se esperan cambios significativos para este mércores 28, coas Rías Baixas situadas baixo a influencia das borrascas atlánticas e réxime de ventos do suroeste. Os ceos estarán moi anubrados con chuvascos xeneralizados. As choivas intensificaranse na franxa atlántica, segundo as previsións de Meteogalicia. Experimentarase un lixeiro ascenso das temperaturas con vento que soprará moderado do suroeste, con intervalos fortes no litoral.
Durante o xoves 29 tampouco se esperan cambios significativos cun vento que soprará de compoñente sur, moderados en xeral, con intervalos fortes no litoral. As temperaturas ascenderán, principalemente, as mínimas para establecerse entre os 17 e os 19 graos.
O venres 30 de outubro, Galicia situarase baixo a influencia dunha borrasca centrada ao oeste de Irlanda. Os ceos atoparanse máis nubrados con chuvascos probables que, durante a noite, incrementaranse polo litoral atlántico. As temperaturas continuarán sen cambios con ventos de compoñente sur.
Xa durante a fin de semana, o sábado espéranse ceos moi nubrados con posibilidade de precipitacións e será o domingo 1 de novembro cando aumente a influencia anticiclónica cun descenso da posibilidade de choivas. As temperaturas mínimas sufrirán un lixeiro descenso, mentres que as máximas ascenderán situándose en valores ao redor dos 20 graos centígrados.