Turismo de Bueu organiza en Udra dúas visitas guiadas para o vindeiro sábado
Por Redacción
Tras o obradoiro de papaventos celebrado na Aula de Natureza de Cabo Udra o pasado sábado e no que participaron vinte nenos de entre 6 e 14 anos, Turismo de Bueu organiza dúas visitas guiadas no Espazo Natural da Rede Natura de Cabo Udra para este sábado 31 de outubro.
A primeira das visitas será ás 11 e partirá desde a propia Aula de Natureza de Cabo Udra, centrándose no estudo e observación da enorme diversidade de fentos que poboan este espazo natural. Non se trata dunha visita para especialistas, senón que está aberta á participación de todos os públicos, incluídos nenos de curta idade.
Ademais, completarase cun paseo polos camiños de Udra de cara a descubrir algúns dos principais tesouros naturais que agocha este singular monumento da natureza.
A seguir, a partir das 12 horas haberá outra visita para coñecer os lugares nos que se situaba a antiga batería de costa de Cabo Udra que, xunto coas de Cabo Silleiro, Monteferro e O Grove, conformaban unha plataforma de defensa de longa distancia nas Rías Baixas.
Esta visita tamén estará aberta á participación de todos os públicos e finalizará contra as 13 horas. Para anotarse cómpre chamar ao 986 324 457 ou enviar un correo a auladanatureza@concellodebueu.org.