Un cento de persoas secunda a última ruta pola "Fracha tal e como a coñecemos"
Por Redacción
Preto dun cento de persoas secundou este domingo a segunda andaina reivindicativa organizada pola plataforma 'Salvemos a Fracha', unha ruta da que os organizadores aseguran que foi a última ruta pola serra da Fracha "tal e como a coñecemos", pois está "gravemente ameazada" polo proxecto da autovía A-57, da que acaban de comezar as obras e que inclúe un primeiro tramo de 6,5 quilómetros entre A Ermida (Marcón) e Vilaboa.
A andaina fixo un percorrido circular polo monte da Fracha e ao remate uniuse a un grupo de ciclistas do colectivo Masa Crítica que tamén quixo secundar a ruta, pero por outro tramo distinto, dadas as necesidades específicas de circular en bicicleta.
Ao término, os convoantes leron un manifeto reivindicativo no que aseguraron que a plataform "continúa loitando contra o escurantismo e a barbarie do Ministerio de Fomento", promotor da obra que "persevera na súa teima de facer política de despilfarro e amiguismos que só favorece ás grandes construtoras como San José". San José é a empresa adxudicataria desta obra contra a que 'Salvemos a Fracha' presentou un recurso contencioso-administrativo na Audiencia Nacional.
"Seguen teimando coa idea de que Pontevedra é a única capital que non ten circunvalación... e por iso queren facer unha aínda que non sirva como tal", criticou a plataforma veciñal, en alusión a que o Ministerio de Fomento e o Concello de Pontevedra defenden que a A-57 será unha circunvalación a Pontevedra, mentres que 'Salvemos a Fracha' mantén que non será tal, senón "un corredor que non circunvala nada e non deixa ningún beneficio a os veciños de Pontevedra nin comunica as parroquias afectadas".
Relacionadas:
-
En Marea pedirá no Senado a paralización "inmediata e definitiva" da A-57 e que se libere de peaxe a AP-9
Por Diego Espiño |
-
A ministra de Fomento lembra a Salvemos A Fracha que "yo estaré siempre atendiendo a los vecinos y sus demandas"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A Audiencia Nacional desestima a suspensión preliminar das obras da A-57 na Fracha
Por Redacción | Creada e actualizada
-
'Salvemos a Fracha' lanza un último SOS polo monte da Fracha e convida a unha andaina
Por Redacción |
-
A autovía A-57 é unha cuestión de "justicia social"
Por Oskar Viéitez |
-
'Salvemos a Fracha' leva a súa oposición á "falsa circunvalación" á zona das obras da A-57
Por Redacción & Diego Torrado |