Bueu pide perdón aos donos do edificio Pintos e confía en poder paralizar o derrubamento
Por Redacción
O Pleno da corporación municipal de Bueu aprobou por unanimidade a declaración institucional de apoio e solidariedade cos propietarios do edificio Pintos, ameazado cunha orde de derrubamento por culpa dunha mala xestión do Concello.
Nesta sesión extraordinaria procedeuse a dar lectura a esta declaración que pide tamén perdón aos afectados por esta sentenza de demolición, sendo consciente de que o Concello dos anos 1986-87 actuou cunha "evidente pasividade", dándose pois lugar a situacións como a do edificio sito en Loureiro.
O texto chega a falar de "mala praxe continua" por parte daquel equipo de goberno. Aseguran que mantivo unha actitude "relaxada, censurable, neglixente e imprudente" que non só afectou aos donos deste edificio senón tamén a outros que se viron prexudicadas "ou seguen sufrindo as consecuencias deste comportamento irresponsable".
Con esta declaración, o Concello "pide perdón e manifesta a súa solidariedade", aínda que tamén agarda que con ela se recupere a imaxe da institución municipal.
O alcalde de Bueu, Félix Juncal, asegurou que nos vindeiros días a secretaría xeral do Concello emitirá un informe xurídico onde se contemplan todas as situacións que demandan os afectados, entre elas a posibilidade ou non de que o Concello poida emitir unha resolución de suspensión cautelar, mentres se resolven os catro procedementos xudiciais que nestes momentos están abertos para buscar a paralización do desaloxo inminente.
No Pleno deuse voz aos voceiros dos diferentes grupos, ademais de ao representante dos veciños e veciñas do edificio, que manifestaron a súa satisfacción porque se avanzase un paso máis neste proceso tan complexo para ambas partes.
Juncal salientou que con esta declaración "todos recoñecemos as culpas, propias ou alleas, pero finalmente colectivas" e volveu manifestar o seu desexo de que o inmoble non sexa demolido tras a presentación dun recurso de casación por parte dunha das propietarias.
Relacionadas:
-
O Xulgado suspende cautelarmente o desafiuzamento e derriba do edificio Pintos de Bueu
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello de Bueu pide perdón aos propietarios do edificio declarado ilegal polo TSXG
Por Redacción |
-
O alcalde de Bueu comunica aos veciños do edificio Pintos a intención de paralizar o desaloxo
Por Redacción |
-
Veciños de 19 vivendas de Bueu reclaman solucións a menos dun mes de ser desaloxados
Por Redacción |