O novo edificio xudicial de Pontevedra, un investimento de máis de 20 millóns de euros
O pasado mes de agosto a Xunta de Galicia ratificou a aceptación dos terreos por parte do Concello de Pontevedra e agora continúa co seu compromiso de axilizar a licitación dos novos xulgados.
O DOG publicou recentemente a licitación das direccións de obra e de execución do novo edificio xudicial de Pontevedra, cun importe total que supera os 600.000 euros entre ambas.
En concreto, o importe da licitación para contratar a dirección da obra de construción do edificio será de 388.228 euros; mentres que o destinado á execución da mesma ascende a 231.928 euros.
As ofertas para ambas licitacións poderán enviarse ata o 13 de novembro á Oficina de Rexistro Xeral e de Información á Cidadanía do Complexo Administrativo de San Caetano, en Santiago. Poderán entregarse fisicamente na dita oficina ou a través de correo postal.
Con estes dous novos anuncios, a Xunta de Galicia continúa co seu compromiso de axilizar a licitación dos novos xulgados, coa intención de que as obras comecen este mesmo ano 2015. Hai que lembrar que hai pouco xa se anunciara no diario oficial a licitación das obras, cun importe de case 20 millóns de euros.
Esta licitación, sumada á dirección e coodirección de obras e á coordinación de seguridade e saúde fan un investimento total de ao redor de 20,7 millóns de euros para o novo edificio xudicial da Parda, un dos maiores investimentos na nosa Comunidade destinado a unha infraestrutura xudicial.
A obra está programada para ser executada nun prazo de 24 meses, sendo un dos criterios de avaliación a redución do prazo de execución.
CLÁUSULAS SOCIAIS
De acordo co disposto na Lei de Racionalización e na guía para unha contratación pública socialmente responsable, no prego inclúense unha serie de cláusulas sociais relacionadas cos requisitos de solvencia esixidos á empresa e a estabilidade no emprego.
Ademais, establécense condicións especiais de execución do contrato cuxo incumprimento dará lugar á imposición de penalidades e, en caso de reiteración, á resolución do contrato. Así, a empresa adxudicataria deberá garantir a aplicación estrita das condicións laborais que estableza o convenio colectivo dos traballadores e adoptar as medidas de seguridade, hixiene e de prevención de riscos laborais establecidas na normativa vixente.
Finalmente, recoméndase á empresa adxudicataria que en caso de subcontratar parte dos traballos o faga, na medida do posible, con centros especiais de emprego ou empresas de inserción laboral. A estas empresas subcontratistas se lles esixirán as mesmas obrigas de carácter social que as empresas adxudicatarias.
CARACTERÍSTICAS DO NOVO EDIFICIO XUDICIAL
O futuro edificio xudicial contará con máis de 21.000 metros cadrados e espazo para 28 unidades xudiciais. Ademais, agrupará todos os xulgados dispersos agora mesmo na cidade e estará comunicado a través dunha pasarela co actual edificio de xulgados, formando un único complexo.
O futuro edificio xudicial agrupará todos os xulgados dispersos agora mesmo na cidade
O proxecto do edificio xudicial de Pontevedra destaca por unha distribución orientada a bo funcionamento do edificio da seguinte forma:
Por unha banda, a correcta e clara localización das pezas xudiciais, conseguindo unha circulación fluída e cómoda entre os espazos dependentes, grazas a unha fácil lectura das zonas no edificio por parte do usuario; e doutra banda, debido ás particulares necesidades en canto á circulación deste edificio, o conseguir que as mesmas sexan claras e sinxelas, para proporcionar un uso eficaz do edificio, reducindo ademais os tempos de desprazamento ao situar 4 núcleos que posibilitan dirixirse á zona que se queira dunha forma rápida.
O obxectivo deste proxecto ademais de conseguir as premisas anteriormente marcadas, pretende ser un edificio, lixeiro e diáfano, que permite unha flexibilidade absoluta para compartimentarse dunha maneira adecuada ás necesidades que poidan ir cambiando co edificio, establecendo unhas circulacións perimetrales á crujía de espazos diáfanos de servizo.
Esta crujía de servizos está flanqueada por unha banda pola circulación privada e polo outro lado pola circulación pública, o que nos proporciona versatilidade na compartimentación. Non interferindo nestes espazos nunca.
O edificio ten un esquema de funcionamento moi claro, que se organiza a partir de tres aneis, con usos claramente diferenciados, e contorna a unha praza ou patio que vai cambiando de carácter segundo a planta.
No primeiro anel, o exterior a toda a crujía de servizos, disponse a circulación privada do edificio, que ten acceso aos 4 núcleos, para acceder ao resto das plantas pola circulación privada das mesmas.
O segundo anel, o de servizos, ou o de espazos de uso, é onde se dispoñen segundo as plantas, o programa necesario para cada unha delas.
O terceiro anel, á circulación do público usuario do xulgado.
Esta circulación privada na planta baixa vese ampliada pola praza central interior, ao redor da cal se distribúe o edificio, e que está destinada aos usuarios do xulgado. É un espazo pechado, onde a entrada de luz faise a través de lucernarios e patios que chegan desde a cuberta da planta primeira ata o chan en planta baixa.
As salas de vistas poderán albergar ata 40 persoas as salas pequenas e 80 persoas a sala principal grande
As salas de vistas serán dos espazos do edificio que máis carácter público terán. Teñen capacidade para albergar ata 40 persoas no caso das salas pequenas e 80 persoas no caso da sala principal grande, en canto a público asistente. A maiores está o espazo reservado para os estrados, para uso dos maxistrados, fiscais, secretarios e profesionais do dereito.
Estas salas divídense na zona de estrado, elevado sobre o resto da sala 17 cm, e a zona de público. Teñen entrada por dous lados. Desde a circulación privada, para acceso dos xuíces, que entra á mesma cota que os estrados. E a entrada desde a circulación pública.
Diante destas salas de vistas disponse unha sala de espera, dividida en dúas partes á que se accede desde o terceiro anel, circulación pública, dando a un pequeno vestíbulo para a entrada á sala de vistas.