Un selfie para o dentista... ao volante
Por Redacción
A Policía Local de Pontevedra impuxo esta semana unha multa desas que se poderían considerar de libro. Denunciaron un home que conducía un turismo polo centro da cidade mentres facía un selfie. Segundo informou a Policía Local, cando lle preguntaron, xustificouse explicando con total normalidade que estaba a facer unha foto da súa boca para enviarlla ao seu dentista.
Todo sucedeu sobre as 10.00 horas deste martes 13 de outubro na avenida de Uruguai. Unha patrulla de motoristas da Policía Local observou ao condutor dun turismo Citroën Xsara facéndose unha foto co teléfono móbil, de modo que os axentes identificárono e denunciárono.
A raíz desta denuncia, a Policía Local indicou que, ano tras ano, as denuncias polo uso do móbil ao volante son as que máis medran e, de feito, creceron un 79 por cento dende 2011. A denuncia conleva unha sanción económica de 200 euros e a retirada de tres puntos no carné de conducir.
Dende a Policía Local lembran que, segundo a Dirección Xeral de Trafico, as distraccións están detrás da metade dos accidentes con vítimas e o teléfono móbil ten cada vez maior peso como factor de risco. É especialmente perigoso nas vías urbanas, onde hai máis probabilidades de que irrumpan na vía peóns ou ciclistas e hai unha maior concentración de tráfico.