CIG convoca concentracións en Pontevedra e Vilagarcía dentro dunha xornada europea de protesta contra o TTIP
Por Diego Espiño
A negociación dun acordo comercial entre a Unión Europea e Estados Unidos (TTIP) é a causa pola que CIG decidiu chamar á mobilización "a toda á cidadanía", convencidos de que na práctica o acordo supón "a privatización de todo o que non sexa o aparello xudicial, o espazo aéreo ou o control de fronteiras", explicou Marcos Conde.
As concesións ás empresas multinacionais, defende o secretario comarcal do sindicato, provocará "a desaparición de todos os dereitos no traballo e deixar sen vixencia a negociación colectiva".
"Todo o que signifique sacar fóra a capacidade de decisión é negativo para Galicia, xa o vimos coas cotas lácteas, pesqueiras ou coa enerxía eléctrica", completou Rafael Iglesias.
Trátase dunha xornada de protesta, a do próximo sábado 17 de outubro, convocada a nivel europeo e que terá visibilidade en Pontevedra e Vilagarcía.
A Praza da Peregrina na cidade de Lérez e a Praza de Galicia na capital arousana serán os puntos de encontro, en ambos casos ás 12:00 horas.
No que vai de ano recolleron en Europa "tres millóns de sinaturas" contra o TTIP, que foron entregadas no Parlamento Europeo mostrando a disconformidade cun acordo "que reduce a soberanía nacional supeditándoa aos intereses económicos dos grupos empresariais", explicaron desde o sindicato.