Catro detidos e un imputado na desarticulación dun grupo que asaltaba casas no sur da provincia
Por Redacción
A Garda Civil detivo durante os últimos días aos membros dun grupo criminal organizado aos que se lles imputa a suposta autoría de máis dunha ducia de roubos e furtos en casas habitadas no sur da provincia de Pontevedra.
A Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Garda Civil da Comandancia pontevedresa foi a encargada de levar a cabo a investigación para esclarecer os roubos que viñan perpetrando e que concluíu o pasado fin de semana coa detención de catro acodes, unha delas menor de idade, 17 anos, con domicilios en Cotobade e Redondela e a imputación doutra de 73 anos, residente en Vilaboa.
A Unidade da Garda Civil realizou pescudas atendendo a que os arrestados conformaban a infraestrutura dun grupo criminal organizado que se dedicaba á comisión de roubos con forza nas cousas e furtos en casas habitadas aproveitando, na maior parte das ocasións, a ausencia dos residentes.
Algúns dos arrestados xa foran detidos o ano 2013 como integrantes doutro grupo organizado que se dedicaba tamén á comisión de feitos similares. Os ilícitos máis recentes que que se lles imputan, segundo a Garda Civil, datan do pasado mes de xullo, pola comisión dun roubo no interior dunha casa habitada en Salvaterra de Miño. Nesta ocasión imputóuselles un delito de pertenza a grupo criminal e a presunta comisión de, polo menos, unha ducia de roubos e furtos continuados no Val Miñor, Condado-Paradanta, Vigo e Pontevedra, concretamente nos municipio de Ponteareas, Salvaterra, Tomiño, Soutomaior, O Porriño, Pontevedra e Nigrán.
O modus operandi baseábase nunha minuciosa vixilancia sobre os domicilios e unha detallada observación dos movementos e costumes dos seus moradores, utilizando dous turismos e unha furgoneta.
Efectuaban unhas discretas vixilancias sobre as vivendas seleccionadas, a maior parte delas no medio rural e agrícola, ata ter a certeza de que os moradores non se atopaban nas casas. Para iso seleccionaban os días non chuviosos, que eran os que máis posibilidades tiñan de que as persoas que residían nestas casas ausentásense para realizar labores agrícolas, deixando as chaves na porta, en moitos dos casos.
Algúns dos roubos cometéronse cos habitantes no interior da vivenda. Noutras ocasións chegaron a rexistrar as vivendas, mesmo cando o propietario durmía a sesta no interior.
Tanto os detidos como o imputado, a maior parte cun amplo historial delituoso, foron postos a disposición do Xulgado de Instrución número 2 de Ponteareas e do Xulgado de Menores de Pontevedra.